Tuesday 09 de July de 2024

‘Auga que has de beber, non a deixes perder’, lema central da campaña de Carral ante a prealerta por escaseza


• O Concello elaborou un bando informativo con varias recomendacións para evitar o malgasto.

• Así mesmo, iniciarase unha campaña para sensibilizar e concienciar do uso responsable da auga a través das canles de comunicación municipais.

‘Auga que has de beber, non a deixes perder’. Ese é o lema central da nova campaña que o Concello pon en marcha ante a prealerta por escaseza moderada. O alcalde de Carral, Javier Gestal, sinala que tras o anuncio da Xunta faise máis necesario “concienciar á cidadanía sobre o coidado dun recurso tan prezado como é a auga”.
Ante esta situación, o Concello reducirá os baldeos e limitará a rega de zonas públicas ao estritamente necesario. A maiores, está levando a cabo varias accións informativas. Por unha banda, elaborou un bando no que se brindan recomendacións para os veciños e veciñas. Entre elas, aconséllase a revisión e reparación de billas ou tubaxes danadas para evitar perdas de auga. A maiores, suxírese priorizar os usos domésticos da auga: evitar o lavado de coches ou encher as piscinas e regar os xardíns ás últimas horas do día.
En paralelo, o Concello iniciará unha campaña para sensibilizar e concienciar do uso responsable da auga a través das canles de comunicación municipais. Con esta iniciativa, proporcionará aos usuarios e usuarias datos de interese sobre a auga, así como recomendacións para reducir o seu malgasto.